27.11.14

Happy Thanksgiving!

Na clase de arts & crafts celebramos hoxe o día de acción de grazas coa nosa profe Laura Anderson. Os nenos e nenas de 4º A fixeron uns autorretratos que decoraron cunhas plumas de indio nas que escribiron por que están agradecidos. Cos seus traballos fixemos esta presentación.

25.11.14

As receitas do noso cuarto: Sergio

Esta semana inauguramos unha nova sección do blog "o noso cuarto": Receitas de cociña! Sergio é o encargado de comezar o receitario de cuarto cunha bebida moi apetitosa...


BATIDO DE FROITAS: PLÁTANO E FRESAS

Ingredientes:
- 200 mililitros de leite
- 4 fresas
- 1 plátano


Modo de preparación:
- Cortamos en anaquiños o plátano e as fresas.
- Engadimos o leite.
- Batemos todo xunto.
- E xa temos o noso batido de froitas!

20.11.14

20 de novembro: Día dos dereitos da infancia

As Nacións Unidas aprobaron en 1948 a Declaración Universal dos Dereitos Humanos que incluía os dereitos dos nenos e nenas, pero debido ás necesidades particulares da infancia, o 20 de novembro de 1959, aprobaron a Declaración dos Dereitos do Neno.

Para conmemorar ese día, o 20 de novembro celébrase en todo o mundo o Día Universal dos Nenos e Nenas.

No noso cuarto levabamos xa uns días debatindo sobre os dereitos da infancia e aprendemos tantas cousas que hoxe, despois do recreo, os nenos e nenas de 4ºB visitaron o resto das clases do Brea Segade para contarlles cales son os seus dereitos básicos.



Despois da presentación regaláronlle a cada neno/a un tríptico elaborado polo equipo de actividades extraescolares e complementarias e tamén un cartel para cada aula. Gustounos tanto como fixeron a presentación que volveremos a repetir esta experiencia noutra ocasión.

Noraboa rapaces!

19.11.14

Castañón, castañón...

Aínda que o Magosto xa pasou, queremos desde aquí felicitar á gañadora do lema deste ano: Noraboa Sandra, o teu lema foi o máis votado!


Podedes ver o artigo sobre o día das votacións no blog da aula de segundo.

18.11.14

O Magosto

Onte celebramos na escola a festa do Magosto. Houbo unha chea de xogos tradicionais: bolos celtas, ra, carrilana, corda, chave, petanca, aros... Un montón de posibilidades para pasar un bo rato cos amigos.





O broche final foi unha degustación de castañas asadas feitas por Charo e Tino, que boa man teñen coas brasas!


Algún non xantaría ao chegar á casa, de tanto que encheu o bandullo na castañada. Desfrutamos comendo e encinzando a cara, como manda a tradición.








17.11.14

Colorful owls!

Para ambientar a nosa festa do Magosto, na clase de arts and crafts fixemos uns mouchos moi xeitosos con papeis de cores e rolos de papel hixiénico.

Look at the owls on the tree!



14.11.14

Achégase o Magosto!

Hoxe no recreo celebráronse as eleccións do Magosto 2014 para escoller o lema e o debuxo deste ano.


E o luns, a encher o bandullo con deliciosas castañas asadas!



13.11.14

Iniciándonos no scrapbooking

Scrapbook significa "libro de recortes", polo tanto, poderiamos definir o scrapbooking como unha técnica para personalizar álbums de fotos, decorándoos con papeis, pegatinas, lazos, teas... o que máis lle guste a cada un. Tamén se poden personalizar axendas, tarxetas e infinidade de cousas.


O importante é pasalo ben durante o proceso creativo e ir facendo, pouco a pouco, un libro de recordos coas nosas fotos favoritas, as entradas de aquela peli que tanto nos gustou, unha tarxeta que nos escribiron polo aniversario... todo vale, porque todo o que nos gusta e nos emociona ten un inmenso valor.



Os nenos e nenas do noso cuarto estiveron probando isto do scrapbooking na clase de Arts and Crafts e, cunha foto súa, fixeron estas páxinas tan chulas que están expostas ao lado da aula. Ah, e todo en inglés! Good work!!!


11.11.14

Hoxe no recreo... Rita!

Esta mañá, como todos os martes, houbo sesión de contacontos durante o recreo na biblioteca da escola. O contacontos de hoxe correu a cargo de Laura, Noelia, Sandra e Ainara e o libro que escolleron para contar foi "Rita".



Estas nenas son auténticas profesionais de contar contos!




10.11.14

Pyssla!

E diredes vós, que é iso de pyssla? Pois as nenas e nenos dos nosos cuartos sábeno ben! Cada vez que as profes lles dicimos esa palabra, aparece un enorme sorriso nas súas caras. Parece maxia!




Este curso comezamos unha serie de talleres e recantos na clase de 4º B. Deste xeito, cando rematan o traballo, os rapaces poden escoller ir ao taller de dicionario, de Matemáticas con dados, pasatempos de Coñecemento e Lingua ou pyssla, entre outros. Todos lles encantan pero, sen dúbida, o que máis éxito ten é o de pyssla, unhas pequenas perliñas de plástico de cores coas que facer figuras con aspecto pixelado. Mirade que exposición tan chula temos na clase!




Tamén as usamos nas clases de Arts and Crafts, as seccións bilingües de Plástica que temos na escola. Que ben o fixeron os nenos e nenas de 4º A, son uns artistas!




Agora xa sabedes de onde saíron as "condecoracións" tan xeitosas que gañaron os investigadores do Samaín. Os profes que formamos parte do equipo de extraescolares, con axuda de Tino, estivemos facendo cabaciñas con pyssla durante unha semana. Na escola, na casa... case soñabamos coas cabaciñas! Pero, aínda que deron traballo, mereceu a pena porque quedaron preciosas e, ademais, sabedes que? Aos maiores tamén nos gusta isto do pyssla!



Queredes saber como se fan estas figuras con pyssla? Pois seguide atentos a este blog, pronto vos contaremos máis.


5.11.14

Isto é a xungla!

Estes días a clase de lingua castelá está chea de elefantes, tigres, ratos,... A razón é que estamos aprendendo a xogar a "A Xungla", un xogo moi interesante para iniciarse nos xogos de estratexia.
O primeiro que tivemos que facer foi familiarizarnos coas normas do xogo e, para iso, fixemos unha lectura das instruccións e contestamos a unhas preguntas para ver se todos entenderamos as regras. Podedes descargar aquí as instruccións co cuestionario.

Xa estabamos preparados para botar unha partida! Como se trata dun xogo de dous xogadores, puxémonos por parellas e, como só temos un xogo, cada parella fixo as súas fichas e taboleiro partindo duns modelos descargados da web: http://ludotonica.blogspot.com.es/


O que máis lles gustou aos nenos e nenas do noso cuarto foi cando lles tocaba xogar co taboleiro "de verdade". O xogo consta dun taboleiro e fichas de madeira todo feito e pintado á man por Rubén González (rgc), e ata está personalizado para o CEP Brea Segade!



Mirade que ben o pasamos atrapando aos animais na xungla: