18.12.15

Un Nadal Brea Segade style

Este curso tiñamos programado como celebración de Nadal facer unha saída por Taragoña e Araño para cantarlles panxoliñas aos veciños destes dous lugares, pero por mor da chuvia prevista para o venres tivemos que cambiar de plans no último momento e preparar un festival en tempo record.

Ao final, como os nenos e nenas do cole son uns artistas, saiu todo ben e, o máis importante, pasárono xenial cantando e bailando para os compañeiros e as familias.

Os rapaces do quinto pino B tiveron unha chea de actuacións: a canción de Frozen versionada ao noso estilo, cantares de reis, unha canción en inglés, o baile de Bang, bang... Case non se nota que ás profes de 5º B nos encantan os festivais, a que non? Se parece que o pasamos mellor nós ca eles, e podemos asegurar que eles o pasan moi ben con todo isto.

En definitiva, hoxe foi un día especial para todas e todos os que formamos parte do Brea Segade, porque grazas á implicación e esforzo conxunto de profes e alumnos, conseguimos facer un festival que, aínda que tivo que ser case improvisado e preparado a correr en pouquísimo tempo, resultou moi divertido..

Agardamos que o disfrutárades tanto coma nós e queremos desexarvos bo Nadal e feliz 2016 a todos e todas!

Andrea e Isa


17.12.15

O Nadal inunda o cole

 

Esta última semana o cole engalanouse para recibir o Nadal como é debido.
Tanto profes como alumnos puxémonos mans á obra e deseguida decoramos a escola enteira. Ademais, Tino, coma sempre, axudounos moitísimo colocando luces, colgando murais... Que fariamos sen el na escola? Este home fai de todo!

Hai unha semana pedimos axuda ás familias para facer unha árbore de Nadal con caixas de ovos e recibimos unha morea delas. Inmediatamente comezamos a pintar caixas, e máis caixas, e aínda máis... e moitas máis caixas de ovos!!! Estivemos dous días pintando sen parar! Pero pagou a pena o esforzo, mirade que árbore máis chula temos na entrada do colexio:

Ademais de pintar caixas de ovos, os do quinto pino fixemos outra árbore de cartón con adornos de pyssla, un mural duns renos que quedou ben bonito e unha chea de copos de neve para pegar nos cristais da entrada. Moito traballaron estas rapazas e rapaces!




Tamén temos a exposición Un libro para agasallar, organizada coma tódolos anos polo equipo de biblioteca e as recomendacións de lecturas para as vacacións feitas por toda a comunidade educativa.  Non a perdades, podedes coller moitas ideas para a carta dos Reis!



Se queredes ver o cole todo decorado, o mellor será que veñades mañá ao festival de Nadal e, ademais de velo todo adornado, poderedes desfrutar coas actuacións estelares que temos preparadas. Mirade que ilusionados estaban onte no ensaio xeral!



VIVA O NADAL E VIVA O NOSO FESTIVAL!!!

3.12.15

Treasure Island





Así de cómodos estivemos hoxe no Auditorio de Rianxo desfrutando coa obra de teatro en inglés Treasure Island, interpretada polo grupo de teatro Face2Face.


A obra foi moi divertida e varios alumnos do Brea Segade tiveron a sorte de participar nela cos actores: Raúl fixo dun pirata cunha soa perna, Breogán, de nativo de Skeleton Island, Nico, de Waldorf, un cociñeiro experto en facer unha sopa algo especial, e Noelia, do pirata Bluebeard. Fixérono xenial!







En resumo, a obra encantounos e, ademais de practicar inglés, estivemos cantando, bailando e rindo un montón!

1.12.15

Investigamos sobre Flanagan

O tema da Biblioteca Brea Segade deste curso é "A investigación", así que, cando desde a biblio nos propuxeron investigar sobre detectives literarios coñecidos e, coa información obtida, facer unha presentación para o resto de compañeiras e compañeiros da escola, puxémonos mans á obra!

Todas as clases se implicaron investigando sobre personaxes como Scooby-Doo, Mortadelo e Filemón, Sherlock Holmes, Poirot, Miss Marple ou Detective Conan e fixeron marabillosos traballos coma estes que podedes ver expostos na escola.




Aos rapaces e rapazas do quinto pino B tocoulles buscar información sobre Flanagan. Deseguida comezaron a investigar, tanto na clase coma na casa. Para recoller a información que ían obtendo, elaboraron unha ficha sobre este personaxe e, finalmente, unha presentación para expoñer o que descubriran ao resto do alumnado da escola.

Con este cartel anunciamos o evento ao resto de nenos e nenas e convidámolos a asistir á presentación.

A presentación foi un éxito! Explicaron que Flanagan é o protagonista da novela titulada Todos los detectives se llaman Flanagan, escrita por Andreu Martín e Jaume Ribera. Nesta exposición oral fixeron unha breve descrición do personaxe, contaron a sinopse da novela e falaron sobre os autores. Por último, mencionaron as fontes das que obtiveron a información.



Esta é a presentación que preparamos na clase de 5º B entre todas e todos, agardamos que vos guste.


30.11.15

Campaña de recollida de lixo no patio



É necesario que nos concienciemos da importancia de manter a escola e o patio de recreo limpos, non tirar o lixo ao chan e utilizar correctamente os distintos colectores do lixo. Por todo isto, durante as últimas semanas estamos levando a cabo unha campaña de limpeza do patio na que participa todo o alumnado da escola.


Cada día tócalle a unha clase encargarse da recollida selectiva de residuos. Os nenos e nenas organízanse en parellas ou tríos e e repártense as tarefas: un dos membros da parella, utilizando luvas de látex, recolle o lixo e deposítao na bolsa que suxeita o seu compañeiro, uniformado cun chaleco amarelo, para que se recoñeza facilmente aos nenos e nenas encargados desa tarefa cada día.


Entre todas e todos estamos logrando que o noso patio estea libre de lixo, pero agora, o máis importante é recordar que hai colectores no recreo para separar os residuos e que en ningún caso os podemos tirar ao chan, lembrádeo!




25.11.15

"As dentaduras de Paco Palma" por Noelia, Elena, Sandra e Ruth

As rapazas de 5º B teñen moito conto, por iso onte contaron As dentaduras de Paco Palma na hora de ler para os demais nenos e nenas da escola.

Este libro, escrito por Mercedes Pérez Sabbi e ilustrado por Renata Gallio, cóntanos a historia do carteiro Paco Palma, que non podía comer e pensar ao mesmo tempo, por iso usaba dúas dentaduras; unha branca para pensar e outra laranxa para comer. Pero un día Paco Palma esqueceuse da merenda e, cos dentes laranxas na boca, botouse a durmir debaixo dunha árbore... Queredes saber como continúa a historia? Pois vide á biblioteca Brea Segade e poderedes ler o conto!


Noelia, Elena, Sandra e Ruth, as nosas contacontos, fixérono moi ben, notábase que o tiñan preparado con antelación e, aínda que a biblioteca estaba chea de público, non se puxeron nerviosas.



Finalmente, recibiron un gran aplauso por parte de todo o público. Ben feito, rapazas!


24.11.15

Magosto 2015

Xa o avisaba o lema gañador deste ano: "Castaña, castañiña, o teu día está cerquiña". E era verdade, porque o pasado venres 13 de novembro celebramos o Magosto na escola, así que imos contar como foi antes de que pase máis tempo e nos esquezamos!

Estes son o cartaz e o lema gañadores que están expostos na entrada da escola:


Houbo unha entrega de diplomas para todos os nominados e os vencedores nas eleccións ao mellor lema e debuxo do Magosto.



A continuación deste acto, deron comezo os xogos tradicionais no patio cos que, coma sempre, pasámolo pipa!


Finalmente, houbo unha castañada grazas ao bo facer dos nosos asadores de castañas particulares, que este ano foron Tino e Alma. Que boas estaban, sodes uns profesionais!