25.2.15

As receitas do noso cuarto: Íker

Esta semana Íker ensínanos como facer uns deliciosos espaguetes con atún e salsa de tomate. Esta receita seguro que é unha das vosas favoritas. Mirade que sinxela e que rica está!

INGREDIENTES (para 4 persoas):
  • Un paquete de espaguetes
  • Dúas latas de atún
  • Un bote de salsa de tomate
  • Sal
  • Aceite
  • Auga
ELABORACIÓN:
  1. Poñer auga nunha tarteira cun pouco sal e un chorro de aceite.
  2. Cando a auga ferva, botar os espaguetes nela e esperar 10 minutos.
  3. Escorrer a auga.
  4. Mesturar o atún coa salsa de tomate.
  5. Finalmente, incorporar esta mestura aos espaguetes.
Podedes sorprender á vosa familia con este prato, que ademais de rico é saudable. Bo proveito!!!

20.2.15

Valentine's cards!

Logo duns días de descanso voltamos outra vez ao traballo coas forzas renovadas. Seguro que o pasastes moi ben estes días entre orellas, filloas e disfraces... Mais o sábado tivemos tamén outra data especial: o día dos namorados!

Na clase de plástica os rapaces e rapazas de cuarto A fixeron a súa postal para regalarlla a unha persoa querida por eles. Houbo quen fixo a postal para a súa familia, algún amigo e ata quen se atreveu a dedicarlle a tarxeta a algunha rapaza que lle gustaba.



13.2.15

Un entroido POWER METAAAAL!!!

Este ano o entroido foi algo diferente. Non tiñamos que vir cun disfrace da casa nin tampouco facelo na escola. Simplemente había que ir traendo complementos ao longo da semana e deixalos na clase para, o venres, artellar un disfrace na aula todos xuntos co que tiveramos alí.
Ademais, había que preparar unha actuación para deleitar aos compañeiros e compañeiras dos outros cursos. No noso cuarto, como somos moi fans do heavy metal, decidimos facer unha versión da canción "The Final Countdown" do grupo Europe, unha banda sueca de hard rock que triunfou internacionalmente na década dos 80. Deixámosvos aquí o video orixinal de "The Final Countdown":


Gústanos tanto o heavy que decidimos ir traendo para a clase complementos dese estilo: perrucas de pelo longo, panos e calquera cousa con caveiras, pinchos ou chatolas. Con todos os accesorios que xuntamos, preparámonos e quedamos así de metaleiros:


A nosa versión da canción, titulada "Vou Tocala Frauta", quedou moi graciosa! Que ben o pasamos nos ensaios e na actuación! Este tipo de música préstase a que fagamos tolerías, saltemos, meneemos as melenas e o pasemos xenial.
A actuación no auditorio foi, unha vez máis, todo un éxito! Estes rapaces e rapazas son uns auténticos artistas! Deixámosvos un anaquiño da actuación para que a poidades ver na casa.


Despois das actuacións no auditorio, fomos ao pavillón e alí fixemos xogos nos que nos divertimos moito.


Despois volvemos ao cole onde tiñamos preparada unha mesa enorme con filloas, orellas, rosquillas... Vaia merenda carnavaleira, estaba todo delicioso!
Por último, e como fin de festa. queimamos o Toribio, que este ano xa fixo o seu traballo.
Menuda festa do entroido máis completa tivemos! Agora a descansar e seguir desfrutando estes días de vacacións. E lembrade, longa vida ao POWER METAAAAAL!!!

11.2.15

Semana de entroido

Nesta semana de entroido o que manda na escola é Toribio. O venres plantouse na entrada do cole mandándonos vir o luns con algo na cabeza. Así, por orde do Toribio, comezamos a semana lucindo complementos do máis variado: perrucas, sombreiros de todo tipo, antenas de marciano, orellas de rato... Cada un adornouse como máis lle gustou.


Onte, o Toribio quixo que viñeramos con mandil ao colexio. Parecía que estabamos nunha escola de cociña!
E hoxe antollouselle que trouxeramos algo do revés, que caprichoso é este Toribio!


Se queredes aprender máis sobre a festa do entroido en Galicia, xogade con estas ACTIVIDADES SOBRE O ENTROIDO GALEGO
Tamén podedes descargar este CADERNIÑO DE ACTIVIDADES DOS BOLECHAS sobre o entroido no que atoparedes información, actividades, receitas e moita diversión!

10.2.15

Let it snow!

Que frío vai estes días! A semana pasada ata puidemos ver desde o cole un pouco de neve na montaña. Na clase de plástica, os nenos do noso cuarto fixeron unhas folerpas de neve moi xeitosas que colocamos nun mural no primeiro andar.


It is very cold these days! Last week we could see the snow on the mountain from our school. In arts and crafts, pupils from "o noso cuarto" made beautiful snowflakes that are displayed on a mural on the first floor.

1.2.15

Así foi o Día da Paz

O pasado venres celebramos na escola o Día da Paz e, por iso, os nenos e nenas dos noso cuartos pintaron unhas láminas que quedaron así de alegres e coloridas. Estes días están expostas na planta baixa do cole para recordarnos a importancia da paz, non só no día no que se conmemora, se non en todos os aspectos da nosa vida cotiá.



Ademais, fixeron uns colgantes con pyssla que lles quedaron moi estilosos. Había dous modelos para escoller, un corazón ou un símbolo da paz, cal vos gusta máis? Eles tivérono claro e mesmo fixeron un colgante para eles e outro como agasallo para sorprender á persoa que elixiron. Sorprendéronvos na casa?




Despois do recreo tivemos un acto no auditorio para todo o alumnado e profesorado do centro. Nenos e nenas de todos os cursos representaron unha obra de teatro sobre os dereitos da infancia. Nesta obra participaron Ramón, Sandra e Miguel de 4º B e fixérono de marabilla, coma sempre!

Despois, os profes José Luis e Alma con alumnos da escola interpretaron unha peza musical que nos encantou e, por último, todos os rapaces e rapazas colocaron xuntas as figuras de origami feitas ao longo da semana. Houbo lapis, grúas, pombas..., todas para representar a importancia da paz, pilar básico sobre o que se deben sustentar a convivencia e a educación.