27.3.15

Recital de poesía dos rapaces dos clubs de lectura

Hoxe recibimos unha visita sorpresa na hora de ler. Mario, Xabier e Paula, todos alumnos de 6º e membros dos clubs de lectura da BBS, viñeron á nosa aula e recitáronnos unhas fermosas poesías.
Foi un pracer recibir a súa visita e desfrutar do recital. Moitas grazas, rapaces, voltade cando queirades!




Permanecede atentos ao blogue da biblioteca para saber máis sobre este recital.
Vémonos en abril, mes dos libros!

Un descansiño ben merecido!

Hoxe é un día un pouco especial, un deses días de nervios, emoción e expectación porque é o día no que os nenos e nenas levan os boletíns coas notas da 2ª avaliación! Agardamos que recibades boas noticias e, se non é así, non vos desanimedes, hai que seguir esforzándose e traballar moito para ir mellorando.

Antes de marchar de vacacións, queremos compartir con vós a exposición "Máis bicos e menos consolas", que segue medrando grazas ás vosas preciosas fotos.





Con estas bonitas imaxes despedímonos por uns días e desexámosvos boas vacacións! Lembrade, querémosvos de volta o día 7 de abril coas pilas cargadas!

25.3.15

As receitas do noso cuarto: Noelia

Esta semana a nosa cociñeira Noelia explícanos como elaborar un delicioso polo guisado con patacas.

INGREDIENTES:
  • polo
  • patacas
  • cebola
  • pemento
  • cenoria
  • allo
  • azafrán
  • viño branco
  • aceite
  • auga
  • sal
 ELABORACIÓN:
  1. Poñemos unha  cazola no lume con aceite e douramos o polo.
  2. Botamos na cazola o allo e a cebola ben picados e deixamos que se fagan.
  3. Engadimos o pemento e a cenoria picados tamén.
  4. Botamos un chorro de viño de branco e deixamos un ou dous minutos para que evapore o alcohol.
  5. Deixamos cociñar a lume lento media hora e engadimos as patacas, sal e azafrán.
  6. Engadimos auga se fai falla e deixamos cociñar 20 minutos.
E así é como se fai o polo guisado con patacas. Que bo está!

17.3.15

Grazas polas vosas fotos!

Hai pouco máis dunha semana que vos pedimos que compartirades con nós unha foto familiar expresando agarimo para a campaña "Máis bicos e menos consolas" e a vosa resposta foi, coma sempre, espectacular!
Mirade como medrou xa a exposición, hai unha chea de fotos preciosas que alegran a entrada da escola.


Por suposto, podedes vir ver a exposición cando queirades.
Moitas grazas pola vosa colaboración!!!

11.3.15

Máis bicos e menos consolas



Ollo, que o título non vos confunda. Non estamos en contra das consolas nin dos videoxogos, parécennos divertidos e fannos pasar bos ratos, o que ocorre é que cremos que para demostrarlle a alguén canto o queres non é preciso gastar os cartos en mercarlle un agasallo material, e moito menos un tan caro coma unha consola ou un videoxogo.

Os bicos, as apertas, os aloumiños e as caricias son o mellor agasallo que se pode dar e recibir, ou non vos encanta que vos dean un bo bico sonoro, un abrazo inesperado ou calquera outra demostración de agarimo? Pois aos mestres e mestras do equipo de actividades complementarias e extraescolares do cole tamén nos encanta, por iso ideamos esta campaña titulada "Máis bicos e menos consolas".

O noso obxectivo é concienciar ao alumnado e familias sobre o consumo responsable, aproveitando que o 15 de marzo é o Día dos Dereitos do Consumidor, e, de paso, encher de bicos e aloumiños aos que máis queremos, aínda que para iso non fan falta excusas.

A iniciativa consiste en traer á escola unha foto bicando, abrazando ou aloumiñando a esa persoa ou persoas tan importantes para nós. Con todas esas fotos cheas de tenrura estamos a facer unha preciosa exposición na entrada do cole.


Xa temos todas estas fotos, pero seguro que a exposición aínda vai medrar.
Moitísimas gracias pola vosa colaboración!

9.3.15

Día da muller traballadora (8 de marzo)

Onte foi 8 de marzo, Día da Muller Traballadora. No centro levamos conmemorando esta data xa durante  toda a semana pasada, facendo que os nenos e nenas pensen nesas "supermulleres" que teñen ao seu arredor no día a día. Nais, avoas, irmás, tías, amigas... Mulleres que semellan ter superpoderes para ser capaces de facer todo o que fan!


Todos os membros da comunidade educativa, alumnado, profes e familias, debemos parar un momento e pensar nesa muller tan especial que hai na nosa vida, á que admiramos profundamente, e dedicarlle unhas palabras de agarimo e un debuxo, como xa fixeron moitos nenos e nenas dos nosos cuartos.


Animádevos a describir e debuxar a esa supermuller á que tanto admirades e, de paso, mirade que cousas tan bonitas hai xa feitas no libro das mulleres traballadoras. Igual vos atopades a vós mesmas no libro!



2.3.15

O día de Rosalía

Rosalía de Castro naceu en Santiago de Compostela fai 178 anos, o 24 de febreiro de 1837. É unha das meirandes escritoras en lingua galega, así como tamén unha das principais responsables do Rexurdimento. O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase por ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. O día do seu nacemento conmemórase a súa obra, pasando a ser o día de Rosalía.



A semana pasada celebramos no Brea Segade o día de Rosalía: o venres logo do recreo cada clase recitou un dos seus poemas e despois plantamos unha planta con flor por aula nun maceteiro moi chulo que nos fixo Tino. Os profes regaláronnos ao rematar uns broches como recordo do día.



Os nenos/as dos nosos cuartos fixeron tamén en plástica uns retratos da escritora con acuarelas que colgamos nunha parede da entrada para ambientar o acto do venres.