30.11.15

Campaña de recollida de lixo no patio



É necesario que nos concienciemos da importancia de manter a escola e o patio de recreo limpos, non tirar o lixo ao chan e utilizar correctamente os distintos colectores do lixo. Por todo isto, durante as últimas semanas estamos levando a cabo unha campaña de limpeza do patio na que participa todo o alumnado da escola.


Cada día tócalle a unha clase encargarse da recollida selectiva de residuos. Os nenos e nenas organízanse en parellas ou tríos e e repártense as tarefas: un dos membros da parella, utilizando luvas de látex, recolle o lixo e deposítao na bolsa que suxeita o seu compañeiro, uniformado cun chaleco amarelo, para que se recoñeza facilmente aos nenos e nenas encargados desa tarefa cada día.


Entre todas e todos estamos logrando que o noso patio estea libre de lixo, pero agora, o máis importante é recordar que hai colectores no recreo para separar os residuos e que en ningún caso os podemos tirar ao chan, lembrádeo!




25.11.15

"As dentaduras de Paco Palma" por Noelia, Elena, Sandra e Ruth

As rapazas de 5º B teñen moito conto, por iso onte contaron As dentaduras de Paco Palma na hora de ler para os demais nenos e nenas da escola.

Este libro, escrito por Mercedes Pérez Sabbi e ilustrado por Renata Gallio, cóntanos a historia do carteiro Paco Palma, que non podía comer e pensar ao mesmo tempo, por iso usaba dúas dentaduras; unha branca para pensar e outra laranxa para comer. Pero un día Paco Palma esqueceuse da merenda e, cos dentes laranxas na boca, botouse a durmir debaixo dunha árbore... Queredes saber como continúa a historia? Pois vide á biblioteca Brea Segade e poderedes ler o conto!


Noelia, Elena, Sandra e Ruth, as nosas contacontos, fixérono moi ben, notábase que o tiñan preparado con antelación e, aínda que a biblioteca estaba chea de público, non se puxeron nerviosas.



Finalmente, recibiron un gran aplauso por parte de todo o público. Ben feito, rapazas!


24.11.15

Magosto 2015

Xa o avisaba o lema gañador deste ano: "Castaña, castañiña, o teu día está cerquiña". E era verdade, porque o pasado venres 13 de novembro celebramos o Magosto na escola, así que imos contar como foi antes de que pase máis tempo e nos esquezamos!

Estes son o cartaz e o lema gañadores que están expostos na entrada da escola:


Houbo unha entrega de diplomas para todos os nominados e os vencedores nas eleccións ao mellor lema e debuxo do Magosto.



A continuación deste acto, deron comezo os xogos tradicionais no patio cos que, coma sempre, pasámolo pipa!


Finalmente, houbo unha castañada grazas ao bo facer dos nosos asadores de castañas particulares, que este ano foron Tino e Alma. Que boas estaban, sodes uns profesionais!



20.11.15

A modiño e con boa letra

En Plástica levamos unhas semanas deseñando carteis coa técnica do lettering, a arte de debuxar letras. Este video de MadeByMarzipan explica en que consiste o lettering.



Como se trataba do noso primeiro achegamento a esta técnica, que é algo difícil, pois require moito coidado e precisión, baseámonos nuns pósters que atopamos en internet para intentar copialos. Ademais, as mensaxes escritas nestes pósters son letras de cancións moi coñecidas, así que aproveitamos para escoitalas mentres traballabamos e averiguar cal era cada unha.

Nestas fotos estaban traballando nos carteis, que aplicados!

Hoxe xa podemos amosarvos algúns posters rematados, mirade que ben lles quedaron!