24.2.16

Día de Rosalía



Hoxe é 24 de febreiro. Esta data coincide co día do nacemento da escritora Rosalía de Castro, por iso hoxe se celebra o Día de Rosalía.
Para saber máis sobre esta autora visitade a páxina web da Fundación Rosalía de Castro.  Nesta web atoparedes información sobre a biografía e a obra de Rosalía, distintas imaxes e representacións artísticas da autora e información sobre a Casa-Museo, situada en Padrón.




En días anteriores, cada alumna e alumno ilustrou e escribiu unha tarxeta postal cun anaquiño dun poema de Rosalía para enviar ás familias e desexarlles un feliz día. Agardamos que lles gustaran as tarxetas e lles fixera ilusión recibilas. Seguro que foi unha sorpresa!



 

Ademais, hoxe conmemoramos esta data na escola cunha lectura e recitado de poesía durante a  hora de ler. Os nenos e nenas do 5º pino B leron o seguinte poema, titulado Alborada:








Vaite, noite,
vai fuxindo.
Vente aurora,
vente abrindo,
co teu rostro,
que, sorrindo,
a sombra espanta!!!

Canta,
paxariño, canta
de ponliña en ponla,
que o sol se levanta
polo monte verde,
polo verde monte,
alegrando as herbas,
alegrando as fontes!...

Canta, paxariño alegre,
canta!
Canta porque o millo medre,
canta!
Canta porque a luz te escoite,
canta!
Canta que fuxeu a noite.

Noite escura
logo ven
e moito dura
co seu manto
de tristura.
Con meigallos e temores,
agoreira
de dores,
agarimo
de pesares,
cubridora
en todo mal.
Sal!

Que a auroriña
o ceu colora
cunhas árbores
que namora,
cun sembrante
de ouro e prata
tinguidiño
de escarlata.
Cuns vestidos
de diamante
que lle borda
o sol amante
entre as ondas
de cristal.

Sal...!
Señora en todo mal,
que o sol
xa brilla
nas cunchiñas do areal;
que a luz
do día
viste a terra de alegría;
que o sol,
derrete con amor a escarcha fría.

Rosalía de Castro
Cantares Gallegos


Se non chega a primavera e queres ter vacacións...

O entroido xa pasou, mais os científicos de 5º teñen claro que o que máis lles gusta son as vacacións... Así que non tardes en mercar o "vacalendario" de 5º A ou a máquina do tempo "que só che leva ao verán" de 5º B. 


Este entroido baixamos a Taragoña para presentarlles estes magníficos inventos aos nosos amigos, familiares e veciños. Moitas grazas aos músicos que nos acompañaron durante a saída e tamén a algún pai que se sumou á nosa festa do entroido.






Ao volver ao colexio esperábannos as rosquillas, filloas, orellas... que ricas estaban!




23.2.16

Os dados de contar historias

 
Esta semana en Lingua Galega estreamos un novo xogo que resultou ser un éxito, os dados de contar historias.
O xogo consta de seis dados cun debuxo diferente en cada unha das súas caras e a forma de xogar é moi sinxela: os xogadores lanzan os dados por turnos e cos debuxos que obteñen teñen que inventar unha historia e contarlla aos demais participantes.



Os nenos e nenas do 5º pino B déronnos a súa opinión sobre os dados de contar historias despois de probalos:
Íker: "Son moi divertidos porque se poden facer historias graciosas e non decides ti o que pasa, teste que apañar co que che sae nos dados."
Miguel: "Fomentan a imaxinación e son bos para inventar historias e mellorar a redacción."



Sandra: "Son divertidos porque podes inventar as historias que queiras cos personaxes e obxectos que che toquen."
Raúl: "Son chulos porque podes crear a historia que ti queiras e podes usar a imaxinación."

 
 

 
Iván: "Son moi divertidos porque podes facer a historia que queiras co que che toque."
Noelia: "A min gustáronme os dados porque podes inventar historias graciosas e que sexan con ou sen sentido."




É sorprendente comprobar que, a maioría das veces, as cousas máis sinxelas son as que máis lles divirten. Isto demostra que os xoguetes non teñen que ser caros e complexos, o máis importante é que estimulen a imaxinación.

19.2.16

We love London!


En plástica estivemos aprendendo cales son os monumentos máis importantes de Londres e coñecendo outros símbolos da cidade, como os taxis negros, as cabinas de teléfono ou os buses vermellos de dous pisos.
Fixemos un mural para situar eses monumentos no plano da cidade e expoñer os nosos traballos. A que quedou chulo?


13.2.16

Dez boas razóns para practicar un deporte

Aquí vos deixamos o artigo da Voz de Galicia que precisades para o traballo proposto en Educación Física:

Dez boas razóns para practicar un deporte




Lembrade que unha das tarefas para este 2º trimestre en Educación Física é ler a nova acompañado dun adulto. Logo tedes que realizar un resumo e escribir dúas opinións (a túa e a do adulto).

12.2.16

O día da Paz



Aínda que xa pasou o día, non queríamos deixar de contarvos como celebramos o día da Paz no cole. O 30 de xaneiro conmemorouse o aniversario da morte do Mahatma Gandhi, asasinado en 1948.

Mohandas Karamchand Gandhi naceu na India en 1869.
Estudou Dereito en Inglaterra e trasladouse a Sudáfrica a exercer como avogado. En Sudáfrica levou a cabo as súas primeiras accións de protesta pacífica contra o racismo.

Tras 20 anos de manifestacións e resistencia pasiva que serviron para acadar melloras en Sudáfrica, voltou á India, onde comezou coa loita pola independencia do seu país, que naquel entón era colonia de Gran Bretaña.

A súa forma de loita e protesta non violenta foi seguida en India por millóns de persoas que se opoñían tamén á dominación británica.

Gandhi foi detido en moitas ocasións, pero acostumaba ser posto en liberdade debido á presión do pobo indio, que o admiraba moitísimo pola súa bondade e entrega. Tanto era así que lle chamaban Mahatma, que significa "alma grande".
Tras moitos anos de loita pacífica do pobo indio liderado por Gandhi, Gran Bretaña concedeu a indepencia á India en 1947. Ao ano seguinte, en 1948, Gandhi morreu asasinado. A súa morte foi considerada unha catástrofe internacional e Gandhi convertiuse nun símbolo do pacifismo en todo o mundo debido á súa loita non violenta polos dereitos das persoas e dos pobos.

Na clase de Valores, estivemos traballando sobre este personaxe e aprendendo moitas cousas sobre a súa biografía e o seu xeito de protestar contra as desigualdades e inxustizas. Despois, entre todos, pintamos retratos de Gandhi para facerlle unha pequena homenaxe.